Wednesday 08 de May de 2024

O Concello de Brión pon en marcha a campaña “Mulleres medrando coma árbores”, coa que conmemorará o 8 de marzo


O centro social polivalente acollerá durante toda a semana unha pequena figueira que recollerá as mensaxes de apoio ás mulleres de todo o mundo por parte da veciñanza brionesa

O Concello de Brión vén de poñer en marcha a campaña “Mulleres medrando coma árbores” coa que conmemorará o 8 de marzo, Día da Muller. “Trátase dun acto co que queremos simbolizar a necesidade de que na sociedade actual enraíce definitivamente a evidencia da igualdade de xéneros”, explica a concelleira de Igualdade, María Rosa Romero Fariña.

Así, durante toda esta semana o Concello de Brión exporá no centro social polivalente unha pequena figueira para que reciba as mensaxes de agarimo e apoio ás mulleres de todo o mundo por parte da veciñanza do municipio. Unha iniciativa á que están convidados a participar todos os veciños e veciñas de Brión. “Despois, esta figueira será plantada en terreos públicos para que durante moito tempo simbolice o cambio que todas e todos agardamos e a vexamos medrar forte, autónoma, libre e sen medo”, apunta a concelleira de Igualdade.

De feito, a elección deste tipo de árbore non é casual. “Eliximos a figueira pola súa capacidade de acoller na súa sombra, alimentar cos seus froitos dende moi pequena e coidar da saúde coas súas propiedades”, indica María Rosa Romero, quen engade que “nesta ocasión queremos que sexa tamén símbolo de vida que medra forte e que sae adiante ante calquera dificultade”.

Folga do 8 de marzo

Así mesmo, as traballadoras do Concello de Brión sumaranse este xoves 8 de marzo á convocatoria de folga realizada polas forzas sindicais para dar visibilidade o traballo das mulleres, acabar coa discriminación por sexo e avogar pola igualdade en todos os ámbitos, especialmente no laboral. As traballadoras municipais secundarán un paro de dúas horas, entre as 12:00 e as 14:00 horas. Unha iniciativa que conta co total apoio do alcalde de Brión, José Luís García.